YouTube Preview Image

“Cabaleira”, primeiro videoclip do disco Aínda de Alba María.

YouTube Preview Image

“Pretéritas Perfectas” de Alba María, ao vivo en Vigo. Son directo sen editar.

Tema: “Albas Perdidas”. Disco: Aínda. aCentral Folque, 2014.

ALBA MARÍA naceu en 1995 nas Palmas de Gran Canaria. Até alí levou a familia o seu pai, daquela traballador dos asteleiros vigueses, e alí naceu e pasou os primeiros anos da súa infancia. A música canaria arrolouna nestes primeiros anos e aínda conserva ese legado, mais sería a súa avoa de Tuiriz (Lugo) a que a animou ao canto. Estudou música no CMUS de Vigo e participou en diversos certames de poesía e improvisación, sendo unha destacada poeta e regueifeira. En 2013 comeza os seus estudos de canto na Escola Livre da Música Popular Galega, de aCentral Folque, e en 2014 preséntase e gaña o I Certame de Canción de Autor organizado polo Concello de Teo. A partir de aí a súa vida artística dá un xiro xa que o premio consiste na gravación dun disco e aCentral Folque ocúpase da súa edición. Aí comeza a xestación de “Aínda”, un disco que contou cos arranxos dos artistas cubanos afincados en Galiza, Alejandro Vargas e José Manuel Díaz, produtor musical do disco. O resto da sonoridade conséguea rodeándose un afamado elenco de músicos do folque e do jazz entre os que se atopan Pedro Pascual (Marful), Felipe Villar, Óscar Fernández (Os Cempés), Carlos Freire, Gutier Álvarez…

Malia a súa xuventude, a madurez da súa voz e a mestría das súas composicións convirten a “Aínda” nunha forte aposta discográfica que se presentou no Culturgal 2014 con chego total e que está de xira soprendendo e gustando tanto nas presentacións en teatros e auditorios como nos concertos ao aire libre. A finais de 2015 o disco esgota a súa primeira edición e xa vai pola segunda.

Desde entón pasaron dúcias de concertos e Alba María vaise asentando non só no eido da canción galega senón tamén no da improvisación, sendo unha das poucas voces femininas e unha das máis novas en entregarse á arte da regueifa, que practica e da que xa ofrece obradoiros.

No directo, “Aínda” sona a cuarteto, con Alba María (voz), Felipe Villar (guitarra), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Carlos Freire (batería). Un cuarteto que leva a música galega ao máis alto coa saiba máis nova que se pode atopar neste momento na escena musical galega. En ocasións, o directo pode contar coa colaboración especial dalgún dos músicos que participou na gravación do disco.

Alba Maria con su grupo. Jose Manuel Diaz, Carlos Freire, Felipe Villar

Letras das cancións:

“CABALEIRA”

(Canción escollida para o seu primeiro videoclip)

De que falarán as rúas/ cando ti pases por elas?/ Terán o sorriso triste/ de tanto espremer mentiras/ para afastarte do mal./ Deixarás adeuses no prato,/ unha biblioteca de ratos./ “Camareira, póñame a dignidade para levar”./ Contarán que fixeches o epitafio/ nun viraventos./ Poderán dicir que aínda tiñas zapatos/ “De momento, cabaleira, de momento”./ Mentres os paxaros chían/ a esperanza arrefría./ Corta o ventre a pantasma da perfecta/ con pestanas de cristal./ Vencer, vencer perdendo a guerra./ Vencer contando as infeccións,/ botando pus, coiraza-costra./ Vencer comprendendo que loitamos/ por terra, mar e papel./ Vencer, vencer, l’amour est un oiseau rebelle./ Que pensan de ti as rúas/ para non deixarche paso?/ Choverá e correrán ríos de paciencia/ nos teus santísimos ovarios./ Non querías nin nadar no propio pranto./ Non querías nin slogan en inglés./ “Cabaleira, fala vostede cos pés”./ Deixaches o verso solto/ anseiando unha caricia./ Romperás as velas procurando/ naufragar nalgunha illa./ “Onde é que vai cabaleira?/ Non sabe que é vostede a primeira/ en perder?”/ Vencer, vencer perdendo a guerra./ Vencer contando as infeccións,/ botando pus, coiraza-costra./ Vencer comprendendo que loitamos/ por terra, mar e papel./ Vencer, vencer, l’amour est un oiseau rebelle./ Vencer, vencer perdendo a guerra./ Vencer contando as infeccións,/ botando pus, coiraza-costra./ Vencer comprendendo que loitamos/ por terra, mar e papel./ Vencer, vencer, vencer, vencer, vencer, vencer…/ Venderás a saudade dos fados,/ baixarás o amor do estrado./ E cabalgar, cabaleira, o amencer!

Din de Alba María:

Ugia Pedreira: Comedora de caldo e amante das palavras e melodias que a conventem numa fiandeira fina, paixonal, exuberante, audaz, sutil, comprometida sem evidencias e com prodigioso talento natural para fazer coplas e canzons, apressenta-se na música do pais conscente de que a sua arte dirige-se á aceptazom própria como primogénito início. Semelha que Alba está na nova era da con-inspiraçom e do compartilhar e comeza polo sam conhecimento de si mesma a traves da música, polo tanto sem aleccionar. Ao meu entender, nom hà maior nivel de honestidade na incursom artística. Ler a entrevista completa aquí: Galicia Confidencial. http://www.galiciaconfidencial.com/nova/23000-alba-maria?pag_com=%201