aCentral Folque de festa para recibir “Aínda”, o primeiro disco de Alba María, alumna de canto da nosa escola, que gañou o pasado mes de abril o I Certame de Canción de Autora en Galego do Concello de Teo. A presentación do disco farase en dous tempos: un avance no Culturgal (7 de decembro, 18:30h) e o concerto coa banda ao completo o 25 de xaneiro en Teo.

Os Contos de Joselín no FIOT de Carballo. Sábado 11 ás 21h na Rúa dos Contos. Dobre función con Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín, inspirándose no repertorio do histórico da oralidade galega, José Rodríguez de Vicente “Joselín”, para tramar unha hora de riso garantizado. Entrada 6 euros.

Despedida de Marful, o grupo que revolucionou a música galega na última década. Dous concertos porán fin a esta andadura que comezou en 2001 e da que naceron dous discos: Marful (2001) e Manual de Sedución (2006). As últimas ocasións de velos xuntos en directo serán o vindeiro mércores 8 ás 21h en Lugo, nas Festas do San Froilán (Praza de Santa María) coa banda ao completo (sexteto), e o venres 10 en Santiago de Compostela, no Hotel NH, en formato reducido: Ugia Pedreira (voz), Pedro Pascual (acordeóns), Pablo Pascual (clarinetes) e Marcos Teira (guitarras).

O libro-cd Os contos de Joselín esgota a súa primeira edición

Ramom Pinheiro, editor deste volume que rescata para a cultura galega a José Rodríguez de Vicente, Joselín, o primeiro narrador oral gravado do teatro galego, amósase moi satisfeito coa boa acollida deste traballo. Neste momento, mentras distribúen os últimos exemplares, aCentral Folque comezan conversas para tentar unha reedición. O espectáculo asociado a esta investigación, do mesmo nome e con Quico Cadaval, Celso F. Sanmartín e José Luis Gutiérrez “Guti” como actores-contadores-cantadores, estrearase o vindeiro 12 de xullo en Baiona. Desde alí fará unha xira de presentacións por Galiza ao longo deste 2014 e de 2015.  Axenda completa aquí.

Ugia Pedreira deixa os palcos por tempo indefinido

A directora de aCentral Folque e cantante de Marful anuncia publicamente nunha entrevista no Suplemento Fugas de La Voz de Galicia que deixará os palcos por motivos persoais e por tempo indefinido. Este parón afectará á banda Marful e ao disco que tiñan pensado gravar este ano e que se aprazará por tempo indefinido. Os concertos deste verán serán os últimos por unha longa temporada. O último dos que ofrezan en conxunto ser o 8 de outubro durante as Festas do San Froilán (Lugo).