OS CONTOS DE JOSELÍN. O espectáculo
Historias de mortos, de caciques, de curas, de personaxes singulares… Baseado no libro Os contos de Joselín. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954). Un espectáculo que fai estalar o riso en todas as xeracións, dos maiores aos máis pequenos, sen distición. “Os Contos de Joselín” é un espectáculo de aCentral Folque cos contadores -e cantadores- Quico Cadaval, Celso F. Sanmartín e Jose Luis Gutiérrez “Guti”.
Este espectáculo ofrécese en dous formatos (con dous ou tres contadores) e pode contratarse a través da RGTA (AGADIC) ou directamente através de aCentral Folque (669661781, promotion@folque.com). A canda o espectáculo pode facerse tamén unha presentación do libro-cd con coloquio sobre a figura -descoñecida para o teatro galego- de Joselín.
Na busca dun teatro de actualidade, lúdico, crítico e aberto á interacción co público, Quico Cadaval, Celso F. Sanmartín e José Luis Gutiérrez ‘Guti’, volven os ollos sobre a súa tradición: a dos contacontos. Unha historia aínda non contada na que se agochan incríbeis figuras como a de Joselín, o narrador galego de máis éxito de todo o século XX.
Joselín foi un home versátil e contraditorio: admirado polos galeguistas republicanos e condecorado polas ditaduras, ídolo de masas en Buenos Aires, guionista de cine en Madrid, supervendas discográfico en Galiza e España, e incluso en Argentina, cos seus vinte e tres ‘contos galegos’ gravados. A súa descuberta chegou hai uns meses cunha edición de aCentral Folque da súa obra gravada completa.
Cadaval, Celso e Guti funden con enorme habilidade as súas narracións, e dan renda solta á súa capacidade de improvisación narrativa para dar forma a un espectáculo no que os tres evocan a Joselín, nas súas facetas de contador e cantador de historias, e no que abordan temas de actualidade establecendo, en colaboración co público, un circuíto de información alternativo.
No teatro contemporáneo son moitos os exemplos do aproveitamento das técnicas de narración e improvisación teatral herdadas da cultura popular mas é sobre todo no mundo dos narradores orais onde esa tradición se manifesta hoxe en día en todo o seu explendor.
Neste espectáculo d’Os Contos de Joselín recupérase esa tradición e ofréceselle ao público actual acompañada dunha proxección de imaxes históricas de Joselín, e da oportunidade de oír un conto gravado na súa voz.
Quico Cadaval
Actor, director e adaptador teatral, foi o impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa. Comezou na interpretación teatral a fins dos setenta no Centro Dramático Galego, para, a mediados dos oitenta, fundar a súa propia compañía, “O Moucho Clerc”. Traballou en diferentes producións da televisión autonómica galega, así como en curtas e longametraxes. Continúa a traballar no audiovisual como actor e como guionista. Foi profesor de interpretación de “Operação Triunfo” (Portugal, 2003).
Celso F. Sanmartín
Contador de contos e historias de tradición oral. El é o continuador do movemento xurdido en Galiza nos anos noventa mais, malia a súa mocidade, os seus contos enraízan coa terra e coa tradición oral da súa comarca do Deza natal dunha maneira orixinal que fai del un referente neste estilo. Celso, ademais de pola súa xenuinidade como contador, tamén destaca por ser dos poucos en Galiza que posta polo conto como profesión dunha maneira máis decidida.
Jose Luis Gutiérrez “Guti”
GUTI é gaiteiro, cantador, bailador e sobre todo contador de historias. Chegou ao conto como parte dun traballo máis amplo adicado á etnografía, o que lle fai ofrecer un espectáculo no que ofrece o aprendido en amplos seráns a caron das lareiras do rural de Zamora, León e Salamanca. Os seus contos gardan pois o carácter dialectal destas narracións orais, sen os artificios dun mundo sen tele nin radio. O conto transmite toda a orixinalidade dun fogar encendido ou unha portalada dunha casa de verán a un escenario e ante un público que, en moitos casos, perdeu xa o seu referente rural. Guti tenta, dalgunha maneira, restablecer esa cadea de comunicación-transmisión de cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio, nunha sociedade dominada polo que se repite desde o televisor.
OS CONTOS DE JOSELíN. Libro-cd
Os contos de Joselín. José Rodríguez de Vicente. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954).
Joselín, é o protagonista dos primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954).
Valentín Paz-Andrade definiu a «Joselín» como un xograr que soubo enraizar os seus contos na antiga tradición do escarnio popular de mariñeiros e labregos. Un artista capaz, a través dos seus discos de contos galegos, de facer estalar o riso. O seu maior momento de popularidade foi de 1929 a 1932, en Galiza, e xa nos anos 30, en Arxentina.
A integral dos contos galegos de Joselín, pioneiro na arte na narración oral, que logo foi continuada por contadores posteriores coma o Xestal ou Farruco, nunca antes fora compilada. Na edición de 1976, a máis extensa existente, hai 12 contos. Ramon Pinheiro, investigador de aCentral Folque localizou os 23 que gravou, a maioría deles en 1929. Na presente edición, ofrecemos a integral dos Contos Galegos de José Rodríguez de Vicente, xunto a un estudo da investigadora Laura Tato.
Tres oradores de renome recrean en palco “Os contos de Joselín” e asócianos aos seus propios. Quico Cadaval é o director artístico deste espectáculo, no que tamén participan o lalinés Celso Fernández Sanmartín e o zamorano Jose Luis Gutiérrez “Guti” que ademais de contar, canta, como tamén facía Joselín cos cantares de cego. O espectáculo ofrece tamén imaxes de época de Joselín, do que se poderá escoitar un conto na súa voz.
A partir de mediados dos anos vinte, grazas á difusión por radio, a industria
fonográfica buscou superar o seu mercado habitual, de clases medio-altas. As principais compañías, interésanse a finais dos anos vinte en realizar gravacións antolóxicas do folclore galego. Entre estas destacan as realizadas por Joselín, primeiras mostras das posibilidades comerciais que lles brindaban os discos eléctricos aos actores cómicos galegos. Estas primeiras gravacións de contos e monólogos realizáronse en xuño de 1929 pola discográfica Regal no Teatro Principal de Ourense, e comercializáronse a través dun catálogo – o primeiro exclusivo de gravacións galegas- no que compartillou espazo con Os gaiteiros de soutelo, Faustino Santalices ou o Coro de Ruada.
Joselín realizaría novos rexistros até completar un total de 23 números impresionados
todos eles entre 1929 e 1942. Títulos como “Romance de Ciego”, “O retrato”, “O tabeirón” ou “Que listo é o meu fillo” acadaron un notábel éxito de vendas e contribuíron á popularizar a creación do cómico vigués, distinguido polo seu traballo coa Cruz do Mérito Civil.
O contido do Cd é a Integral de Contos Galegos de José Rodríguez de Vicente, interpretados por Joselín e rescatados para a presente publicación:
1. Tabeirón
2. A misa
3. Retrato
4. Romance de cego
5. Desenclavo
6. Que listo é o meu fillo
7. As Noces
8. T eléfono
9. Na taberna
10. Enterro
11. médico
12. De quen é o can?
13. Inferno
14. Difuntiño
15. Xan do caeiro
16. Terraqueo do Demo
17. A Chambona
18. A calivera de San Cosme
19. Entroido
20. Os caciques
21. A Santa Unción
22. Zapateiro
23. Eu son de San Payo de Navia
DOSSIER DE PRENSA:
Fervenzas Literarias: Un libro-disco recompila por ver primeira a integral dos contos de Joselín.
TVG. Programa Zig-Zag: Joselín: As orixes do teatro galego
Baiona TV: A recuperación da obra de “Joselín” importante para a comprensión da identidade do pobo galego
Xunta. Cultura. Un libro-disco recupera os primeiros documentos sonoros do teatro galego
Faro de Vigo. El libro CD “Os Contos de Joselín” recoge las primeras grabaciones del teatro gallego
TVG. Programa Zig-Zag: Edítase un libro disco sobre Joselín
Sermos Galiza: Á procura de Joselín, pioneiro na narración oral
Cultura Galega: O pioneiro dos contos