PABLO CASTAÑO QUARTET: A-la-láa

Pablo Castaño é un saxofonista, compositor e arranxista galego de longa traxectoria profesional que presenta agora o seu disco debut como líder da súa propia banda: o Pablo Castaño Quartet. Gravaron este disco inspirado nos cantos tradicionais, acompañado dun trio de luxo e coa colaboración especial de Ugia Pedreira para facer este “A-la-láa”, un novo proxecto jazzístico que toma como punto de partida os cantos libres da música tradicional galega.

O álbum, editado por aCentral Folque, foi gravado por Pablo Barreiro ao vivo durante dúas sesións de improvisación musical en xaneiro de 2018 e masterizado en Nova Iorque polo reputado produtor Kastuhko Naito.

Castaño está acompañado na gravación de dous dos nomes máis relevantes da escena galega, como son o pianista Yago Vázquez, residente en Nova Iorque, e o batería Iago Fernández. A eles súmase o bo facer do contrabaixista arxentino Demian Cabaud e da cantante Ugia Pedreira, que está presente en dous dos temas do disco.

Pablo Castaño é un dos grandes nomes do jazz en Galicia, cunha traxectoria de máis de 20 discos, aínda que este é o primeiro que lanza co seu nome, así como a súa primeira aproximación á música tradicional galega. O álbum parte de fontes históricas como o Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro, e tamén de recollidas contemporáneas coma o Cancioneiro Popular Galego da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart.

O cuarteto de Pablo Castaño é de tradición jazzística composto por saxofón, piano, contrabaixo e batería. Influenciado sen dúbida polos cuartetos e pequenos ensembles esenciais da historia do jazz liderados por instrumentos de ventos; dende Lester Young, Charlie Parker, John Coltrane e un longo etc.

Escoita o disco online:

Youtube

Spotify

Deezer

Merca o disco en formato dixital

Amazon

Google Play

Merca o disco en formato físico

Inquedanzas Sonoras